Codigo Cero: Google celebra o día dos seus desenvolvedores
Google
Developer Day 2007 é a celebración organizada polo buscador máis popular da
Rede para os seus máis de 5.000 desenvolvedores en todo o mundo, que poden así achegarse
a novidades da compañía entre as que destaca a presentación de Google Gears, un engadido de código aberto
que permite integrar nos navegadores web capacidades off-line, ou sexa, que permite consultar a última información
descargada da Rede cando se está desconectado.
A primeira aplicación en integrar Google Gears é o lector de fluxos RSS Google
Reader, que permite así consultar as últimas 2.000 novas consultadas nos
momentos nos que o usuario non conta con conexión, o que agradecerán
especialmente os usuarios de equipos portátiles.
Ademais, este novo engadido funciona nos sistemas operativos Windows, Linux e
Mac OS X, así como nos navegadores Internet Explorer e Firefox, ou sexa, que
estarán dispoñibles para a meirande parte de usuarios de Internet.
Agárdase que este engadido tamén poida servir para outros servizos de Google
coma o Gmail ou Google Docs, de xeito que as prestacións de escritorio
achegadas vía web darán un importante salto cara adiante.
Aparte de Google Gears tamén presentaron melloras en Google Maps, novos gadgets
para a versión personalizada de Google e varios exemplos de desenvolvementos
coma un dispositivo que permite bloguear
dende Second Life valéndose do Google
Authentification Web. (via enBlogamia » blogMillo (240 sen ler))