Codigo Cero: Innovación anuncia un Mapa de Infraestruturas de Telecomunicación dispoñible en liña
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Innovación, vai desenvolver un Mapa de Infraestruturas de Telecomunicacións da nosa Comunidade que permitirá, entre outras cousas, saber que tipo de servizos están dispoñibles nas 30.000 localidades do país.
Grazas a esta nova ferramenta, o goberno galego quere planificar ó detalle o despregue de novas redes precisas para reducir a fenda dixital así como localizar, entre outras infraestruturas, as redes de fibra óptica e as antenas de telecomunicacións.
Ademais, parte dos datos do Mapa serán publicados en liña, polo que cidadáns e empresas tamén o poderán empregar pero só para aspectos estatísticos.
A elaboración deste recurso é unha das iniciativas previstas no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), en concreto na liña de actuación INF-LA1-I2 Mapa de infraestruturas de telecomunicacións en Galiza. Neste apartado indícase que o sistema “disporá de información xeorreferenciada relativa a infraestruturas e redes e telecomunicacións, e tamén podería recoller aspectos de mercado (como niveis de demanda e penetración ou tráficos) e de infraestruturas físicas (como canalizacións, acometidas enerxéticas, dereitos de paso, localizacións de torres…)”.
Ademais, esta información será relativa non só á situación actual, senón ás previsións de despregamento a curto/medio prazo segundo os planos dos operadores.
A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, vén de anunciar este segundo concurso que se convoca para as empresas interesadas en desenvolver este proxecto as cales, terán seis meses de prazo para completar o mapa. O orzamento base do mesmo é de 120.000 euros. (via enBlogamia » blogMillo (254 sen ler))