...notas que me pasan polo maxín...

Codigo Cero: Buscador Mahalo: procurando na Rede coa axuda de… persoas

Buscadores hai moitos e de todo tipo, malia que moitos dos internautas cometamos unha vez tras outra o mesmo erro de pensar que o que non atopamos vía Google e Yahoo! non o atoparemos en ningures (tanto é así que hai internautas noveis que cren que Google manda, dirixe e coordina a Rede por enteiro). Polo tanto, e sen chegar ós límites de tolemia de obrigármonos a probalos todos (hai milleiros deles, coidado), é ben probable que nos resulte vantaxoso ir probando alternativas. Como por exemplo Mahalo, que vén de xurdir no universo Web da man de Calacanis e que semella un servizo moi do seu tempo, este que vivimos entre dúas augas: entre a 2.0 (a da participación activa dos internautas) e a 3.0 (a Web semántica).
O buscador Mahalo está a ser presentado como un “buscador humano e social”, e nel están operativos unha serie de editores que acometen a tarefa de decidir cales son os resultados máis axeitados para a túa procura. Ou sexa, que se a procura non nos parece boa, polo menos teremos a argúen con nome e apelidos ó que botarlle as culpas. Ironías aparte, o servizo semella interesante. Pon ó noso alcance os resultados subministrados polos usuarios e permite (a diferenza doutros servizos que, malia ser usados por millóns de persoas en todo o mundo só precisan de dúas mans e dous ollos para operar) crear emprego. Neste intre hai 40 editores xerando milleiros páxinas (4.000 até o de agora) con 12 buscas cada unha. A previsión é de que a finais de ano se chegue ás 50.000. (via enBlogamia » blogMillo (263 sen ler))